O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 10 de agosto de 2014

A xeración de Moncho Reboiras

Mural da organización Briga en lembranza de Moncho Reboiras en Ferrol.
Amosa a súa frase "Que importa que nos maten se deixamos semente de vencer!"

Sermos Galiza - Manuel López Foxo 10/8/14
É un día caloroso como o foron o 11 e o 12 de agosto do 75. Localizo a casa que habitaban Lois Ríos e Elvira Souto: rúa Concepción Arenal, 53, 1º. Aquel luns, 11 de agosto, despois do xantar, os dous mozos ábrenlle a porta a outro rapaz que os dous coñecen ben: trátase de Moncho Reboiras. Un pouco máis abaixo, no núm. 45, está a casa pola que Moncho sae á rúa despois de fuxir polos tellados, concentrando nel toda a atención das forzas represivas e axudando así, nun derradeiro acto de xenerosidade, a que os outros dous camaradas poidan quedar libres do cerco policial. Ignoramos en que momento o feriron, en que punto do traxecto alcanzaron o seu corpo os primeiros balazos, mais até o portal do número 27 da rúa da Terra hai un bo treito, un traxecto que Moncho fai xa ferido de morte e con ducias de metralletas seguíndolle o alento. Aínda hoxe nos estremece o corazón imaxinar aqueles últimos momentos da vida de Moncho Reboiras e pensar no seu grande heroísmo e no esforzo físico que tivo que facer para poder chegar ao portal 27 da rúa da Terra, onde finalmente se desangra. 
"Aínda hoxe nos estremece o corazón imaxinar aqueles últimos momentos da vida de Moncho Reboiras e pensar no seu grande heroísmo e no esforzo físico que tivo que facer para poder chegar ao portal 27"
Estou agora xusto aí, na mesma rúa na que Moncho  caeu abatido a balazos, e a casualidade fai que a esta hora da tarde, coas rúas de Ferrol totalmente desertas, me atope con Francisco Rodríguez, que foi unha das persoas que naqueles días de represión e terror axudou a Elvira Souto a fuxir de Ferrol, só algunhas horas despois de que unha nai desgarrada pola dor e o seu outro fillo recolleran o corpo de Pepe,  depositado totalmente espido sobre unha fría mesa de pedra do cemiterio de Catabois. Paco e eu percorremos as mesmas rúas que pisou Moncho Reboiras aquela tráxica noite do doce de agosto e xuntos observamos as dúas casas da rúa Concepción Arenal. Pasaron 39 anos e é imposíbel non emocionarse. Só unha persoa coa coraxe de Reboiras podía demostrar tanta valentía fronte a unha ditadura tan férrea, fronte a un réxime fascista como o de Franco. E diso deu probas dabondo Xosé Ramón Reboiras Noia non só aquela noite de agosto nas rúas de Ferrol, senón desde o seu ingreso na UPG en 1969, en pleno estado de excepción. Foi a súa unha entrega sen límites. Un heroe en tempos de covardía, como din os versos do poeta Manuel María. Mais fariamos mal todas e todos nós e as xeracións que han de vir se só nos lembrásemos de Reboiras cada 12 de agosto, porque é a súa vida, o seu compromiso con Galiza ao longo de toda a súa mocidade, desde que se iniciou no maxisterio humanista do Padre Seixas  aos dezaseis anos até que as balas do franquismo lle segaron a vida, o que de verdade debe estar presente na militancia de cantos e cantas abrazamos a causa galega.
 
Creo que nos últimos anos todas e todos nós puidemos redescubrir e coñecer con máis profundidade a biografía de Moncho Reboiras. Conservamos sempre desde 1977, co mesmo aprecio que lle temos a outros libros, aquel caderniño de Edicións Terra e Tempo, homenaxe urxente e humilde, con prosa de combate, ilustracións dun tempo de resistencia contra a ditadura, versos do propio Moncho e un longo poema de Lois Diéguez. Tamén tivemos sempre na memoria, entre outros textos que xa forman parte da nosa literatura, o “Poema/Homenaxe a Xosé Ramón Reboiras Noia”, que aparece no libro de Manuel María Poemas para construír una patria, que editara a Fronte Cultural da AN-PG en 1977. Moitos anos despois,  Xosé Ramón Ermida e Uxío-Breogán Diéguez elaboraron outro moi interesante caderniño por encargo da UPG. Mais foi no ano 2009 cando a Fundación Bautista Álvarez editou o que até agora é o achegamento máis profundo á figura de Moncho Reboiras, un volume coordinado polo noso camarada e amigo Roberto Vilameá, no que se recollen traballos de diversas persoas, a maioría compañeiros e compañeiras de combate de Reboiras naqueles anos setenta. 
"Agradezo  á xeración de Moncho Reboiras o sacrificio, a valentía e a lucidez daquel tempo"
Cómpre ler e reler este libro (Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70) para redescubrirmos a verdadeira dimensión humana, política e intelectual de Xosé Ramón Reboiras Noia. Realmente o libro, no seu conxunto, ofrece unha visión moi clara da enorme estatura de Moncho Reboiras como dirixente político, a pesar da súa mocidade, e ofrécenos tamén a posibilidade de coñecermos algo mellor o que foi a loita do nacionalismo galego na clandestinidade. Agradécese, ademais, o esforzo por recuperar a imaxe de Moncho como un mozo máis do seu tempo, que se reflicte xa na fotografía da portada e que aflora unha e outra vez ao longo do libro, un mozo que vive o impacto do paso do campo á cidade, a realidade do mundo proletario de Teis, que se forma academicamente no Instituto Santa Irene e na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo, que se cruza no camiño co Padre Seixas, con Méndez Ferrín, con Xaime Illa Couto, con Camilo Nogueira, con Manuel María, con don Ramón Otero Pedrayo…  A Asociación O Castro, a Asociación Cultural de Vigo, a Fundación Penzol e a UPG serán a súa outra universidade, onde se forma como galego plenamente consciente da existencia da nación galega, da súa historia, da súa cultura, dos seus dereitos…
 
Máis aló da propia figura de Moncho Reboiras, tan admirábel, creo que é preciso ver o exemplo de toda unha xeración de galegos e galegas que nun momento tan difícil para o compromiso político, e cando estaba case todo por facer, arriscan os seus traballos, os seus estudos, o seu futuro, mesmo as súas vidas, e erguen a bandeira de Galiza e do nacionalismo galego no campo sindical, no político, no cultural, na universidade, no  medio rural e nos barrios obreiros das cidades, construíndo día a día, desde a clandestinidade, unha alternativa nacionalista para o país. Aquilo si que era militancia! Independentemente  da evolución ideolóxica e política de cada quen, da coherencia que podemos atopar en moitas persoas entre o pensamento e a praxe daqueles días e o pensamento e a práctica de hoxe, é de xustiza recoñecer aquel esforzo, aquela entrega,  a coraxe política de toda aquela xeración e todo aquel inmenso labor, sen o que non sería posíbel o crecemento organizativo do nacionalismo galego que veu despois. Eu, desde logo, agradezo  á xeración de Moncho Reboiras o sacrificio, a valentía e a lucidez daquel tempo. Non hai obra humana que me mereza máis admiración que a entrega a unha causa xusta como é a loita pola liberdade dun pobo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário