IEM - Gondomar - Pontevedra
O xoves 14 de agosto contamos coa presenza de Moncho Iglesias Míguez, profesor da Universidade An‐Najah, en Nablus, Palestina, territorio ao que nestes intres non lle está permitido regresar por mor da ocupación israelí. Na súa visita á Aula de Cultura Ponte de Rosas, desenvolveu un faladoiro baixo o título “Palestina: a terra das laranxas tristes”, baseada na súa experiencia e convivencia co pobo palestino. Achegamos un fragmento dunha conversa previa, onde Moncho Iglesias adiántanos algúns aspectos do faladoiro e diálogo que manterá cos asistentes ao coloquio.
A Palestina das laranxas tristes, por Moncho Iglesias Míguez.
"Palestina: a terra das laranxas tristes. Ese é un conto de Ghassan Kanafani, un dos grandes escritores palestinos. A idea é falar desa terra onde as laranxas, as olivas... crecen tristes. Crecen tristes porque teñen que ser abandonadas ou son mesmo expulsadas. Con todo, queda xente con vida para alimentalas e para crecer con elas. E iso é o que quero amosar: a xente viva e con ganas de vivir, a xente que conta, que fala, ou que talvez non ten voz e por iso me gustaría dárllela agora. Así que, o que quero é falar diso: da vida en Palestina, de como é o día a día, de que por moito que se empeñen en facernos ver cadáveres e que se twiteen, se guasapeen ou se gusten fotos que dan pena cun click, hai vida. A xente ten vida e iso non sae fóra das fronteiras da realidade palestina. E quero amosar iso, que a xente gusta de vivir e ten necesidade de facelo”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário