O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 14 de setembro de 2014

«A xerarquía eclesiástica non quería que se chamase 'cruz' ao monumento do Castro»

      Rodríguez Lago escribiu o libro 'Cruzados ou herejes'  
Foto: Paco rodríguez
O profesor elaborou o informe no que se baseou o xuíz para ditar a derriba
ADVERTISEMENT

O doutor en Historia da Universidade de Vigo José Ramón Rodríguez Lago é o autor do informe pericial que achegou a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 na súa demanda xudicial para solicitar a derriba da Cruz do Castro. Para o profesor universitario debe chamarse Monumento aos Caídos.
 
-¿É habitual a participación dun historiador na elaboración dun informe pericial?
-Os historiadores podemos ser reclamados polas asociacións cívicas e institucións públicas para achegar o noso coñecemento en materias de discusión xurídica. Forma parte da nosa responsabilidade cidadá e profesional. Non son o primeiro, nin serei o último historiador en actuar como perito.
 
-¿Como afrontou o encargo?
-A asociación solicitou a miña actuación como perito tras coñecer as miñas investigacións previas e as miñas publicacións sobre o papel da Igrexa e dos católicos de Galicia durante a Guerra Civil e a ditadura.
 
-¿Como elaborou o seu informe?
-A prensa da época, a documentación de arquivos civís e eclesiásticos e a extensa bibliografía publicada no ámbito nacional e internacional sobre este tipo de monumentos do repertorio propagandístico fascista, serviron para arroupar o informe pericial. As miñas investigacións no Arquivo Secreto Vaticano serviron ademais para estudar en profundidade a posición da Santa Sé fronte a estes monumentos, deseñados, financiados, erixidos e celebrados por Falanxe, dos que as principais autoridades eclesiásticas mostráronse sempre distantes, cando non claramente contrarios á súa construción, como ocorreu co cardeal Segura.
 
-¿Incidiu nalgún aspecto?
-O argumento presentado polo Concello para manter o monumento, afirmaba principalmente que se trataba dun símbolo relixioso, propio de culto católico. Como a sentenza sinala con claridade, o informe pericial demostra que o Monumento aos Caídos respondeu desde os seus inicios ao clásico repertorio propagandístico do cerimonial fascista, similar ao da Alemaña nazi ou a Italia de Mussolini. Nunca estivo en terreos que fosen propiedade da Igrexa e nunca serviu para realizar cerimonias litúrxicas organizadas pola Igrexa. O monumento foi concibido para exaltar o golpe militar de 1936, a vitoria dos sublevados e a represión sistemática realizada desde esa data. Así foi entendido desde o principio, e así o entende unha parte da cidadanía, e moi especialmente as vítimas da represión e os seus descendentes. Para eles, segue sendo unha ferida urbana na súa memoria.
 
-¿E a decisión do pleno de 1981 de cambiar o sentido do monumento?
-É unha decisión que lle corresponde ditaminar ás instancias xudiciais. Como historiador, me sorprendente que se apele a unha decisión tomada pola corporación en 1981, cando estaba moi presente o intento golpista do 23-F, e que nin sequera chegou a cumprirse, pois, como afirma a sentenza, aínda hoxe non existe unha placa que faga mención ás vítimas da guerra e da ditadura. A consideración do lugar como monumento de reconciliación, tal e como está actualmente, resulta do todo improcedente, cando non cínico, porque xamais se realizou un acto público de rehabilitación da memoria dos asasinados e non existe testemuño algún no lugar que así o recorde. Como cidadán, resúltame chocante que a corporación de 1981 mostrase máis valor e respecto polas vítimas da guerra que a actual corporación. Son situacións lamentables que debían resolverse hai xa moito tempo.
 
-¿Podería aplicarse a súa argumentación a outros monumentos?
-Son as instancias xudiciais as que deben emitir as súas sentenzas. Con todo, creo que cada día é máis claro, polo menos desde o ámbito xurídico internacional, que a pervivencia destes monumentos do memorial fascista sen que teñan sido dotados dun sentido que facilite a reconciliación e a reparación pública da dor das vítimas e o seu achegados, é unha flagrante anomalía democrática. O recente informe aprobado polo Relator Especial do Consello de Dereitos Humanos da ONU foi tallante e explícito neste sentido, presentando as súas conclusións ante o Goberno de España e as institucións públicas, para que se tomen as medidas necesarias para paliar esta situación irregular e claramente inxusta.
 
-¿Hai máis casos similares a esta cruz en Galicia?
-O Monumento aos Caídos de Vigo -os documentos confirman que as principais autoridades eclesiásticas trataron de evitar que se denominasen cruces os monumentos falanxistas- responde ao repertorio clásico de utilización política dos símbolos católicos por parte dos fascismos, como ocorreu na Alemaña nazi ou a Italia fascista, polo que persisten monumentos similares. O caso de Vigo é relevante pola súa localización estratéxica nun terreo municipal, xusto en fronte da sede do Concello, e que segue sendo un lugar icónico da imaxe pública da cidade, ante os seus cidadáns e ante o mundo enteiro.
 
-¿Ten algunha opinión respecto de quen se inclinan cara ao esquecemento, aludindo á concordia?
-Psicólogos e sociólogos traballaron nas complexas repercusións desta cuestión e os xuristas estudan os relevantes aspectos relacionados co «dereito á memoria» e o «dereito ao esquecemento». O que non existe desde o punto de vista democrático é a obrigación de esquecer, sobre todo cando esa obrigación vén imposta por outros, que poden mostrarse alleos e indiferentes ante a dor das vítimas. Como historiador me preocupa a ignorancia sobre o noso pasado máis recente, ou a descarada e interesada manipulación que algúns fan dun relato mítico que reproduce aspectos da propaganda franquista. Como cidadán me entristece aínda máis a indiferenza ou o desprezo que suscita a dor das vítimas. Creo que é unha das peores herdanzas do denominado franquismo sociolóxico.

Nenhum comentário:

Postar um comentário