O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sábado, 6 de setembro de 2014

Abaixo a Cruz fascista do Castro: unha sentenza obriga ao Concello a derrubala


O xulgado número 2 de Vigo estimou o recurso contencioso-administrativo da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 contra o acordo do Goberno Municipal no que se negaba a retirar o monumento de exaltación franquista. 
 
A sentenza ditada polo maxistrado Antonio Martínez Quintanar con data de 4 de setembro, resolve estimar o recurso da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 condenando ao Concello de Vigo "a que proceda de forma inmediata a adoptar las medidas oportunas para a retirada do elemento arquitectónico denominado 'Cruz dos Caídos' sito no Monte do Castro de Vigo".

A Voz 6/9/14 A pataca quente queda en mans do Concello de Vigo, que pode recorrer a sentenza porque o fallo aínda non é firme. Claro que así recorrería contra unha decisión imposta pola lei da memoria histórica, unha das actuacións estrela do PSOE desde o Goberno de España.

 
VigoDixital  |  06 de Septembro de 2014

O Concello de Vigo terá que derribar a denominada Cruz do Castro. Así o ditamina a sentenza emitida o pasado día 4 de setembro polo xulgado número 2 de Vigo, en relación ao recurso contencioso-adminitrativo presentado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36. A resolución xudicial supón unha mazada para a posición sostida por PSOE  e PP que reiteradamente se opuxeron á retirada do monumento. A última vez hai un ano, ao non apoiar unha moción do BNG no pleno do 9 de setembro de 2013 na que o grupo nacionalista demandou a demolición "dun emblema fascista, inaugurado polo ditador Francisco Franco". 
 
A Cruz do Castro, de 12 metros de altura, foi resultado dunha iniciativa da Xefatura Local da "Falange Tradicionalista y de las JONS", que foi quen escolleu o seu emprazamento,  aprobada pola Comisión Municipal Permanente do Concello franquista o 12 de agosto de 1959. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do caudillo, sendo empregada para sucesivos actos de exaltación do franquismo, singularmente coincidindo co 20 de novembro, co gallo do cabodano de Jose Antonio Primo de Rivera. Ao pé do monumento realizáronse as exequias tras a morte do ditador en 1975.
 

6 anos de loita

A loita pola retirada deste símbolo enceta seis anos atrás, con numerosos actos de protesta e mobilización. A primeira solicitude formal para a retirada da Cruz do Castro remóntase ao 17 de abril de 2008. Esta demanda sería reiterada en varios escritos presentados pola Asociación pola Memoria Histórica o 6 de agosto dese mesmo ano, así como o 31 de maio e o 23 de agosto de 2010. 
 
En 2010 a petición era avalada por 4.046 sinaturas e contaba co apoio de 30 asociacións, colectivos e forzas políticas. Ningunha destas petición recibiu resposta por parte do Goberno municipal presidido por Abel Caballero. Ante o silencio oficial, o 19 de xullo de 2011 o colectivo insistía no reclamo ao abeiro legal do dereito de petición (recollido no artigo 29 da Constitución e regulado na Lei 4/2001) amparándose na Lei 52/2007 de memoria histórica.
 

Silencio e atrancos desde o Concello

Malia que a administración municipal tiña obriga legal de respostar, non o fixo, e a asociación presentou unha demanda para a protección dos dereitos fundamentais diante do xulgado número 1 de Vigo, que o 19 de decembro de 2011 obrigaba ao Concello a se pronunciar expresamente sobre a solicitude, inadmitíndoa "motivadamente" ou tramitando o procedemento oportuno. 
 
A resposta non chegaría até o 1 de marzo de 2013, case cinco anos despois da presentación da primeira petición formal. A Xunta de Goberno Local resolvía nesa data denegar a petición de retirar o monumento de clara significación fascista. Ante esa negativa a asociación promove o recurso contencioso-administrativo, diante do xulgado número 2 da nosa cidade, do que nacerá o proceso xudicial que conclúe coa sentenza que mandata ao Concello a retirar a Cruz da ladeira do monte do Castro.  
 
O recurso prosperou malia o intento do Concello de o atrancar, pedindo a súa inadmisión a través dunha  alegación o 2 de decembro de 2013. Na mesma, púñase en cuestión a falta de "lexitimación" da asociación para o reclamar, a pesar estar conformada por vítimas e familiares da represión franquista, e a extemporaneidade da petición. O xulgado rexeitou a pretensión do Goberno municipal decidindo continuar coas actuacións.
 
A sentenza ditada polo maxistrado Antonio Martínez Quintanar con data de 4 de setembro, a cuxo texto íntegro tivo acceso VIGO dixital, resolve estimar o recurso da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 condenando ao Concello de Vigo "a que proceda de forma inmediata a adoptar las medidas oportunas para a retirada do elemento arquitectónico denominado 'Cruz dos Caídos' sito no Monte do Castro de Vigo".
 

Nunca deixou de ser un símbolo fascista

A resolución xudicial fundamenta a súa decisión ao considerar que, contrariamente ao alegado desde o Goberno municipal, non se produciu un cambio de significado simbólico do monumento."É un feito indiscutido que a significación orixinal da Cruz ubicada na ladeira do Monte do Castro era pura e exclusivamente política, de exaltación da sublevación militar golpista de 1936, dos vencedores da Guerra Civil e da posterior represión" sinálase no texto. 
 
Desde o Concello xustificaban a súa negativa a derribala invocando o acordo plenario da primeira corporación municipal, de 1981, no que a Cruz dos Caídos pasaba formalmente a representar "a todos os mortos da Guerra Civil 1936-1939". Porén, o xuíz entende que non existe esa modificación simbólica e o fundamenta en tres motivos. 
 
Primeiro, que non se instalou nunca ningunha placa ou sinal no monumento que recolla esa nova lenda como se recollía no acordo de 1981, nin "tampouco consta ningún acto de desagravio no lugar no que se empraza o conxunto monumental en honra dos mortos do bando republicano nin das vítimas da represión franquista".
 
 Segundo, que a retirada  das simboloxía fascista foi parcial, ao se limitar a quitar as inscricións de "Caídos por Dios y por España ¡Presentes! 1936-1939" canda o escudo franquista e os emblemas da Falanxe e Requetés, mais mantendo as figuras de dous militares cos uniformes da época e a propia Cruz, coa "carga simbólica inherente" a un monumento erixido "aos falecidos na Guerra Civil exclusivamente dun só bando, o vencedor, responsábel da ditadura e represión". E terceiro, o recoñecemento polo propio Concello de Vigo de que tal cambio de significado non se chegou a culminar, ao aprobar por unanimidade o Pleno do 27 de febreiro de 2006 unha moción do BNG, na que se sinalaba que a reconversión acordada en 1981 "non lograra eliminar a súa carga simbólica inicial claramente franquista".
 

Non é un monumento relixioso

Outro dos argumentos esgrimidos polo Goberno municipal socialista que a sentenza desmonta é o referido ao carácter relixioso do monumento. Escusa empregada a consecuencia dun pacto segredo, ao que presuntamente tería chegado en 2008 o  Alcalde co daquela bispo de Tui-Vigo, José Diéguez, no que Abel Caballero se tería comprometido a manter a cruz no seu lugar a cambio de retirar a simboloxía fascista que se mantiña nas fachadas de 11 igrexas da cidade
 
"Non pode atribuírse agora ao monumento unha significación relixiosa que nunca tivo, tratándose dunha mera adopción ou reelaboración dun símbolo cristián por parte do ideario falanxista que se empregou con finalidade propagandística dun determinado réxime político e en conmemoración dos mortos dun determinado bando da guerra civil, con pretensións antagónicas ás de calquera intento de reconciliación" sinala a sentenza, baseándose no acreditado polo Doutor en Historia Contemporánea José Ramón Rodríguez Lago ao respecto de que este "non foi erixido pola Igrexa, nin se empraza en territorio eclesiástico, senón que se inscribe na categoría de tipo de cruces que foron promovidas pola organización falanxista".
 
A sentenza recolle que a eliminación de aqueles elementos arquitectónicos "conmemorativos de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación miliar, da Guerra Civil e da represión da Dictadura" é unha obriga específica "incorporada ao ordenamento xurídico a unha norma con rango de lei". "Non hai discrecionalidade nin petición grazábel, senón exixencia do cumprimento dunha obriga administrativa delimitada legalmente nun ámbito non exento do control xuridisccional" acrecenta a resolución.  
 
Con todo, as partes teñen un prazo de quince días para presentaren recurso de apelación contra a sentenza. Descoñécese polo momento se o goberno local acatará a sentenza ou pola contra presentará recurso contra desta.
 
Mais publicacions:
 
 
 

Nenhum comentário:

Postar um comentário