12 de setembro: Caballero estuda retirar a cruz do Castro ante as presions do PSOE |
-Carlos Font e Carmela Silva insisten en salvar o monumento franquista
-Anos atrás Silva e outros concelleiros asinaron para que se derrubase a cruz
O goberno vigués asegura que non cambiou de posición sobre a cruz franquista do Castro, condenada á derriba por unha sentenza coñecida hai oito días. Este posicionamento foi exposto onte por Carlos Font, tenente de alcalde e número tres do goberno de Abel Caballero.
En contra do que é habitual, o alcalde vigués evitou onte a súa diaria rolda de prensa, algo que ocorre en contadas ocasións. Por este motivo non se lle puido preguntar sobre as presións do seu partido para que derrube o monumento que inaugurou o ditador Franco en 1961.
Desde que se coñeceu a sentenza dun xulgado vigués aumentaron as peticións para que a cumpra sen intentar tombala no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Especialmente, cando Caballero anunciou que a recorrería e que non consideraba que se tratase dun monumento franquista.
Estas presións proveñen tanto do mundo socialista e os seus dirixentes como doutros sectores progresistas. Coñécese, por exemplo, a incredulidade que provocaron as súas palabras no seo do grupo socialista no Congreso dos Deputados e que o rexeitamento do PSOE xerou dúbidas no seo do propio goberno vigués, que analizou a posibilidade de trasladar a cruz a outro emprazamento. Desta forma púñase en sordina unha polémica de ampla repercusión e evitábase dar a impresión de que o alcalde cedía.
Font, no entanto, asegurou onte que «non hai absolutamente ningún cambio sobre o manifestado polo alcalde» e que se presentará o recurso. Realizou esta aclaración a preguntas dun xornalista, deixando en evidencia que non lle apetecía falar deste vidrioso asunto.
Iso ocorría pola mañá. Pola tarde, Carmela Silva, en Pontevedra, comprobaba como os ecos da Cruz do Castro traspasaron as fronteiras viguesas. A número dous de Caballero tivo que dar explicacións aos xornalistas e asegurou que «Vigo é a cidade que máis aplica a lei de memoria histórica», pero tamén que será o Tribunal Superior de Xustiza quen decida. Sorprendentemente, anos atrás Silva e outros concelleiros asinaron para que se derrubase a cruz.
Nenhum comentário:
Postar um comentário